Padrodado Fogar de Bergantiños

Candidatos

BUSCADOR: Por categoría:
Por nome:

Cobas Vázquez, Jesús

Jesús Cobas Vázquez –Suso Cobas- naceu na parroquia carballesa de Entrecruces hai 69 anos, aínda que pódese dicir que é verdillán polos catro costados. Con 15 anos tivo que emigrar a Barcelona, onde estivo catro anos. Esa etapa de necesidade marcou o seu futuro, e fíxoo reflexionar sobre a educación, posto que nin siquiera tiña feitos daquela os estudios primarios. Por iso decidiu estudiar e formarse, empezando en torno aos 20 anos. Como a maior parte dos carballeses daquela época, estudiou na Academia Leus, para facer posteriormente delineación e mestría industrial. 
Casouse co seu alter ego María Fuentes no ano 1974, residindo por motivos laborais primeiro en Santiago, despois en Barcelona, e establecéndose definitivamente en Verdillo no ano 1982. Non se entende Suso sen María, nin María sen Suso. Traballou nun estudio de arquitectura carballés ata principios do presente século, e desde entón ata a súa xubilación foi autónomo. Boa proba das súas inquedanzas sociais e culturais –sempre compartidas coa súa dona- é que nada máis establecerse en Verdillo, concretamente en abril de 1982, funda a Agrupación Cultural Arume xunto cun bo número de veciños e veciñas. Suso Cobas foi nomeado Presidente, cargo que a pesar del, segue a desempeñar na actualidade. Foi sen dúbida unha das primeiras asociacións do ámbito rural na comarca, que ademais desenvolvía toda a súa actividade en galego. O primeiro local que tiveron foi no baixo da casa rectoral. Hai que lembrar que era o crego da parroquia D. Constantivo Campos –Carballés do ano 1998- que tivo ata o seu falecemento unha colaboración activa con Arume.  
As primeiras actividades programadas foron de carácter musical, centrándose na música e baile tradicionais galegos. Tamén organizaron outras diversas actividades tanto lúdicas como formativas, coas que se continúa na actualidade. Tres anos máis tarde -1985- creou a Agrupación Xuvenil, formando coa cultural unha simbiose ideal. Ambas foron nomeadas Bergantiñán do ano 1990. Ademais da implicación nos órganos directivos, hai que destacar que Suso tamén participaba nas actividades, aprendendo a tocar a gaita, percusión, e incluso atrevéndose a bailar, primeiro tradicional, e agora xa máis veterano que non vello, bailes de salón. 
Son famosos os albaroques, festas de fin de curso das actividades das Agrupacións Cultural e Xuvenil, nos que ano tras ano asociamos a Suso pegado a unha cámara fotográfica, recollendo todo o que acontece. Como exemplo das súas inquedanzas temos tamén a creación hai xa 30 anos do Coro Aires de Bergantiños –Bergantiñán do Ano 1999-. Xunto a Carlos o Xestal, a súa compañeira María, e moitos outros veciños de Verdillo e de distintas parroquias carballesas decidiron conservar, recuperar e difundir a nosa tradición cantada. Ademais de corista é o bombeiro do coro, sustituíndo ao gran Carlos Díaz “O Xestal” tras o seu falecemento. 
Desde o punto de vista asociativo e de contribución á mellora da súa parroquia e Concello, do que máis satisfeito se sinte o noso galardoado é da construción do Centro Social e pistas polideportivas con que conta a parroquia de Verdillo. O soño comezou en 1989 nun terreo adquirido coas aportacións económicas dos veciños e do crego D. Constantino. Foi un empeño persoal, tanto en ideas coma en traballo, pilotando e dirixindo un proxecto –coa inestimable axuda persoal dos veciños- que felizmente culminou o 1 de febreiro de 2008 coas súa inauguración. Na actualidade o edificio é o local social de todo o tecido  asociativo da parroquia de Verdillo, habendo actividades diarias desde luns a sábado tódalas semanas. Sen dúbida Arume é da obra que máis orgulloso se sinte. Gústalle recordar os centos de rapaces e rapazas que levan pasado por alí en todos estes anos (algúns continúan de maiores, e moitos xa teñen os fillos participando), as obras de teatro, o desaparecido Grupo de Cámara, os bailes, euromexóns,...en fin, todo mereceu a pena. 
Sendo un home tan activo e dinamizador, Jesús Cobas prefire permanecer nun segundo plano; é modesto e tranquilo por natureza; pero sempre, por suposto, tendo ao seu lado o sostén e amor da súa compañeira María.  

Currículum

Edicións nas que foi nominado:

Edición Categoría Galardóns Foto do acto de entrega Descargas Méritos
carballés Leva máis de 25 anos sendo presidente da Agrupación Cultural "Arume" de Berdillo. Son moitos anos pilotando un grupo de xente que invirte o seu tempo libre en dinamizar a vida cultural desde unha parroquia rural, desenvolvendo diversidade de actividades nas que participan xentes de tódalas idades e procedencias, convertíndose nun referente en toda a Comarca.
carballés galardoado foto de entrega Leva máis de 25 anos sendo presidente da Agrupación Cultural "Arume" de Berdillo. Son moitos anos pilotando un grupo de xente que invirte o seu tempo libre en dinamizar a vida cultural desde unha parroquia rural, desenvolvendo diversidade de actividades nas que participan xentes de tódalas idades e procedencias, convertíndose nun referente en toda a Comarca.

Video acto de entrega
  • Concello de Laracha
  • Concello de Cabana
  • Concello de Carballo
  • Concello de Coristanco
  • Concello de Laxe
  • Concello de Malpica
  • Concello de Ponteceso
  • Abertal Networks S.L.
Fundacion Luis Calvo Sanz